Historia
Nos anos 40, Camilo “Matías”, iniciaba en Chantada, xunto á súa familia unha nova maneira de gañarse a vida despois da guerra. Neses anos, a principal necesidade da Galicia rural de posguerra era conseguir ingresos para, principalmente, sustentar a economía familiar comercializando os poucos excedentes dos produtos procedentes do campo e dos oficios nas feiras locais. As feiras eran o centro da actividade comercial da Galicia interior rural e o supermercado das familias en días sinalados de cada mes. As grandes urbes do país necesitaba deses produtos básicos para alimentar á poboación, que por medio de persoas da contorna local adquirían e enviaban ás capitais para a súa distribución.
Os inicios de “Matías” comezaron nas feiras da comarca de Chantada, alí comprábanse os animais, trasladábanse a pé ata a estación de ferrocarril, onde se cargaban e enviaban a Madrid para a súa distribución. Pasados os anos foise facendo cun posto no mercado de abasto de Chantada desde onde se provía ao mercado local. Aos poucos fóronse incorporando ao traballo membros da familia, xa nos 50, Alfonso “Matías” incorpórase co resto da familia á actividade, atendendo o principal mercado, Madrid, durante estes anos aos poucos consolídase o negocio ata ser un referente no sector.
Cunha posición asentada na comarca, comezan as grandes obras hidráulicas e as empresas que as lideraban inician a súa andaina en Chantada, nelas traballaba un gran número de operarios aos que dar para comer nos comedores das obras, pronto pasan a estar dentro da carteira de clientes, sen esquecer o mercado da capital, Madrid. Este estilo de traballo continuou e evolucionou co ritmo do país, sempre dunha maneira solvente, próxima e persoal.